A Casa da Cultura de Camporrapado acolle este domingo, 22 de abril, ás 18.00 horas a estrea da obra Urxencias. Preto de 200 persoas xa recolleron as súas entradas para ver en primicia a representación dos integrantes do Clube de Maiores de Boqueixón. Debido ao grande éxito desta primeira convocatoria -as reservas esgotáronse en cuestión de días- repetirase o pase o próximo domingo 6 de maio, tamén ás 18.00 horas.
A obra Urxencias é unha peza que, a través da parodia, recrea as situacións que se viven nunha sala de urxencias dun hospital moi peculiar. Para a posta en escena desta representación participan preto dunha trintena de maiores do municipio de Boqueixón. O texto está baseado en parte na obra de Suso de Toro Servizo de Urxencias. A coordinación técnica desta peza corre a cargo de Arelar.
Dende o Concello de Boqueixón agardan que a estrea sexa todo un éxito e animan á veciñanza a reservar canto antes os pases para a próxima sesión, prevista para o día 6 de maio.