Axúdanos a loitar contra a velutina e nome da campaña de prevención desta especie invasora que o Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha. Como reforzo ás 30 trampas xa instaladas en distintos espazos públicos das 14 parroquias, adquiríronse 70 máis para repartir entre a veciñanza.
“A vespa velutina é un problema de todos e todas. Por iso, queremos que a veciñanza se implique nesta loita instalando as trampas que lles entregaremos de xeito gratuíto e incluso elaborando algunhas propias de tipo caseiro. Precisamos traballar en conxunto para minimizar o impacto desta especie invasora no noso municipio”, explica o alcalde, Manuel Fernández Munín.
Dende o Concello convocan a todas as persoas empadroadas interesadas en participar nesta campaña para o día 24 de abril. A casa consistorial acollerá ás 20.00 horas do próximo martes o acto de entrega de trampas co seu respectivo líquido atraente. O encontro coa veciñanza complementarase cunha sesión informativa e formativa sobre a colocación das trampas e sobre como se debe realizar o seu mantemento.
Para solicitar a trampa para vespas velutinas, deberase remitir un e-mail concello@boqueixon.gal ou chamando ao teléfono 981 513061. O prazo de solicitude finaliza o próximo luns 23 de abril. Establécese un límite dunha trampa por domicilio, se ben se estudará a posibilidade de incrementalo nunha seguinte fase da campaña, e sempre dependendo das solicitudes recibidas.
As trampas que se entregarán á veciñanza son ecolóxicas e reutilizables. Contan cunha capacidade de 2,4 litros e teñen forma de mazá. A cada veciño e veciña entregaráselle unha trampa co correspondente líquido atraente (150 mililitros) que se debe inserir nela mesturándoo con auga ata chegar aos 300 mililitros, aproximadamente.
Dende o Concello realizarán un seguimento da utilización destas trampas. Durante o mes seguinte á instalación das trampas, chamarase aos veciños e veciñas participantes nesta campaña para concertar unha cita co fin de revisar se a trampa aínda ten líquido ou se fai falla mudalo. Tamén se ofrecerá apoio informativo preciso para resolver todas as dúbidas que poidan xurdir na instalación e no mantemento das trampas para vespas velutinas.