A Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia vén de abrir a segunda edición do programa #Responsabilízate. Dirixido a pequenas e medianas empresas (Pemes) e autónomos e autónomas de Galicia a RSE (responsabilidade social empresarial), pretende acadar, coa participación de todos os axentes implicados, un tecido empresarial máis xusto, rendible e competitivo a través dunha forma de xestión responsable coa sociedade e o ambiente.
Na súa primeira edición, participaron un total de 127 empresas galegas. A este programa poden optar pemes e autónomos e autónomas, con polo menos unha persoa traballadora por conta allea ao seu cargo, que desexen dar un valor engadido a súa xestión a través da responsabilidade social empresarial poden realizar a súa inscrición a través do seguinte formulario. O prazo para a presentación de solicitudes rematará cando se acade o número máximo de prazas segundo a dispoñibilidade orzamentaria, informándose previamente a través desta mesma web e redes sociais de RSE Xunta.
Pódese acceder directamente ao formulario de inscrición premendo aquí. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 986 419 922 ext. 2024, ou enviar un correo electrónico a rita@responsabilizate.org ou relacionslaborais.emprego@xunta.gal.
As Pemes e autónomos e autónomas de Galicia beneficiarios entrarán a formar parte deste programa, que se divide en dúas fases.
- Diagnose: Na primeira fase, analízase o estado das empresas e o potencial das mesmas en materia de responsabilidade social empresarial. Para tal fin emprégase o software gratuíto Xunta PRO RSE, unha ferramenta que tamén se usará para a elaboración das memorias de RSE. Esta fase complétase con formación. Así, os participantes tratan aspectos referidos á sensibilización e aos grupos de interese, así como as ferramentas de xestión existentes no contexto da RSE. A formación conta cunha parte presencial, baseada en sesións grupais teórico-prácticas; e unha parte en liña a través dunha plataforma con contido específico. Ofrécese tamén o servizo de asistencia personalizada dun titor, con seguimento persoal dos participantes e avaliación da adquisición de competencias.
- Plan de acción de RSE: A segunda e última fase oriéntase á redacción dun plan de acción de RSE específico para cada empresa. Co propósito de fortalecer o compromiso da empresa coa RSE e sentar as bases para un diálogo habitual e continuado cos grupos de interese, as empresas, acompañadas por asesores, recompilan a información necesaria para trazar un plan adaptado ás súas necesidades con tres dimensións de actuación: económica, social e ambiental. Unha vez identificadas as accións asociadas, os asesores axudan aos participantes a priorizar accións segundo a súa urxencia, viabilidade, garantía e importancia.
O programa #Responsabilízate desenvólvese co acompañamento dunha persoa cuxa misión é inspirar, motivar, formar e acompañar á peme na execución do programa de mellora e implantación da RSE.