O Concello de Boqueixón recibíu onte o Premio Galicia Parabéns polo seu proxecto de Mellora e embelecemento do Pico Sacro e a súa contorna. Nun concorrido acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e pola directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, entregouse este galardón que recoñece o labor desenvolvido a prol da posta en valor dun enclave turístico de tanta importancia.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, recibíu de mans de Feijóo o premio, quen se amosou moi satisfeito por este recoñecemento. “O Pico Sacro é un referente xeográfico, paisaxístico, histórico, cultural e, sobre todo, sentimental para todos os veciños e veciñas de Boqueixón, así como un fito clave no relato xacobeo e, polo tanto, referencia para os camiñantes que chegan a Santiago. Para o noso Concello é un acto de xustiza e responsabilidade co noso patrimonio poñer en valor este entorno para que o goce dos boqueixaneses e boqueixanesas, para os galegos e galegas, para os visitantes e tamén para os peregrinos a Compostela”, asegurou o rexedor.
O proxecto premiado co Galicia Parabéns, e dotado con 388.000 euros, inclúe varias actuacións no Pico Sacro e na súa contorna. A primeira delas desenvolveuse a finais do 2017 e comprendeu o derrubamento dunha estrutura de formigón abandonada por décadas, reducindo, deste xeito, o impacto visual.
Para este ano 2018 prevese o reacondicionamento do centro de interpretación do Pico Sacro, para favorecer non só o achegamento físico a este enclave, senón tamén un achegamento dende o coñecemento da súa xeografía, xeoloxía, historia e lendas. Ademais, desenvolverase a integración do depósito municipal de auga, dotándoo dunha cuberta vexetal e mudando as súas fachadas co fin de mellorar a súa integración paisaxística coa contorna do Pico Sacro.