O Centro de Información á Muller puxo fin na xornada do xoves ao Obradoiro de Prevención da Violencia de Xénero en Adolescentes, un taller que se leva desenvolvendo ao longo das últimas cinco semanas co alumnado de 4ºESO do C.P.I Antonio Orza Couto. Os 11 mozos e mozas que compoñen o grupo participaron en cinco sesións destinadas a traballar diversos aspectos: dende as características da violencia no noivado adolescente ata as características dunha relación sa e positiva. O obxectivo destas sesións é proporcionar información axeitada para que a poboación adolescente saiba recoñecer os signos dunha relación de maltrato, é dicir, aquelas condutas que nunca se deben permitir na parella.
Dende o 25 de xaneiro está instalado no centro educativo o “Photocall pola Igualdade”. A campaña foi presentada polo persoal do CIM ao alumnado de cuarto curso, mais a través dos titores e titoras fíxose chegar a tódolos grupos do colexio de secundaria. Con esta ferramenta, e baixo o lema “No amor … As mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular” , desmóntanse mitos que nos recordan os límites e os dereitos das persoas nunha relación de parella.