BASES DO “I CONCURSO DE XARDINEIRAS DE BOQUEXIÓN”:
PRIMEIRA.- Con este concurso preténdese chamar a atención sobre os beneficios ambientais da recuperación das xardineiras como elementos vivos do municipio. A proposta pretende reivindicar as xardineiras como elementos de sustentabilidade, debido á súa contribución coa mellora paisaxística e ambiental da contorna rural, así como a achega individual ó benestar colectivo.
SEGUNDA.- Poderán participar no concurso de xardineiras:
Todos/as padriños/as titulares de xardineiras. En caso de apadriñar/ amadriñar varias xardineiras poderán presentar a concurso o número de xardineiras que considere.
TERCEIRA.- O prazo de inscrición para participar no concurso abrirase dende o 1 de xullo ata o 21 de xullo de 2017. Ós participantes facilitaráselle un distintivo que terá que exhibirse nun lugar visible da xardineira que participe no concurso.
A inscrición no concurso efectuarase por algún dos seguintes procedementos:
– Correo electrónico: boqueixonturismo@gmail.com ou emprego@lab.mcapps.es
– Entrega persoal nas dependencias da Casa do Concello, 1ª planta, Forte, s/n-
Boqueixón en horario de 09:00h. a 15:00h.
Coa inscrición achegarase a seguinte documentación:
– Copia do dni do titular padrino/ madriña
– Impreso de solicitude de participación cuberto todos os datos e asinado.
CUARTA.- O 27 e 28 de xullo de 2017, o xurado profesional e imparcial nomeado por alcaldía valorará as xardineiras presentadas a concurso. De xeito que estes dous días o xurado, visitará as xardineiras e obterá un dossier fotográfico das mesmas. Estas imaxes serán propiedade exclusiva da organización e poderanse publicar en distintos medios segundo necesidade da organización.
O xurado evaluará os seguintes criterios: variedade floral, orixinalidade da ornamentación, harmonía no crecemento das plantas, combinación de cores, innovación das especias.
A resolución do xurado será inapelable, e poderán ser declarados todos os premios ou algún deles no caso de non reuniren calidade suficiente.
QUINTA.- O fallo coñecerase o 1 de agosto e os premios entregaranse nun acto público convocado para tal efecto.
SEXTA.- Entregaranse os seguintes premios:
1º PREMIO: VALE por valor de 100€ para canxear por plantas, substrato, etc nos viveiros de Boqueixón e un DIPLOMA acreditativo.
2º PREMIO: VALE por valor de 75€ para canxear por plantas, substrato, etc nos viveiros de Boqueixón e un DIPLOMA acreditativo.
3º PREMIO: VALE por valor de 50€ para canxear por plantas, substrato, etc nos viveiros de Boqueixón e un DIPLOMA acreditativo.
SÉTIMA.- O feito de participar no concurso implica o coñecemento e aceptación das bases anteriormente descritas.