A cuarta edición da carreira terá lugar o vindeiro domingo 14 de maio, cunha proba absoluta que dará comezo no Pico Sacro (Boqueixón) e que chegará, seguindo a Ruta da Prata, ata os exteriores da Cidade da Cultura. Alí foi presentada esta mañá en rolda de prensa a cuarta edición da carreira, que tamén inclúe un circuíto para as categorías menores (pitufo, prebenxamín-benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil) no Gaiás.
A nova edición da carreira dérona a coñecer os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente e o alcalde de Boqueixón, Manuel F. Munín, entre outros.
Durante a presentación, os representantes da Consellería de Cultura e Educación animaron a toda a cidadanía “a festexar as Letras Galegas desde o deporte, un ámbito de promoción privilexiado para a lingua e a cultura que celebramos cada 17 de maio”.
Ata o próximo 10 de maio estará aberta a inscrición, a través da páxina web www.emesports.es. Ademais, no sitio web www.lingua.gal/letras-galegas/ están dispoñibles diversos materiais sobre a proba, entre os que se inclúe o cartel deste ano, un vídeo do físico Jorge Mira animando a participar na carreira e mais un audiovisual de presentación da proba, con experiencias de edicións anteriores.
Libros para participantes e gañadores
Todas as persoas participantes que finalicen a proba recibirán como agasallo da organización un libro e mais o diploma Camiño das Letras. Ademais, haberá diversos premios para os vencedores. Os tres primeiros clasificados (en mulleres e homes) da proba absoluta recibirán un trofeo e un lote de libros, mentres que nas categorías de alevín a veterano recibirán un lote de libros. No caso das categorías de pitufo, prebenxamín e benxamín, todos os participantes serán agasallados cun libro adaptado á súa idade. Finalmente, outorgaráselles un trofeo e un lote de libros ao centro escolar e ao club que acade un maior número de participantes que rematen a proba.