Obxecto: esta orde ten por obxecto actualizar os procedementos e os formularios de inicio normalizados para a obtención da carta de artesán e a cualificación e inscrición do taller artesanal previstos no Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, ás previsións vixentes contidas nas Guías para a habilitación electrónica de procedementos e formularios na Administración xeral e do sector público autonómico. Os formularios normalizados publícanse como anexos I e III a esta orde.
Presentación de solicitudes: As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal.
Prazo de presentación : Aberto todo o ano. Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Documentación:
- As persoas interesadas deberán achegar xunto coa súa solicitude os seguintes documentos necesarios para a súa tramitación xunto coa solicitude:
Para a obtención da carta de artesán/a:
- Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
- Certificado de residencia da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
- Memoria das actividades profesionais realizadas (máximo 6 folios, engadidas as fotografías).
- Certificación ou documento acreditativo dalgún dos requisitos que recolle o artigo 12 do Decreto 218/2001, do 7 de setembro, para a obtención da carta de artesán.
Para a renovación/modificación da carta de artesán/a:
- Certificado de residencia da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
- No caso de cambios na tipoloxía da actividade (actividades artesanais) deberá incluír tamén a documentación para a obtención da carta de artesán/a.
En relación co procedemento relativo para a obtención/renovación do obradoiro artesanal as persoas solicitantes deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:
Para a obtención do obradoiro artesanal:
- Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
- Certificado de alta no imposto de actividades económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
- Copia do NIF de persoa xurídica, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
- Relación por categorías dos traballadores do obradoiro, só no caso de persoas xurídicas.
- As entidades cooperativas ou asociativas (reguladas no artigo 2.3 da Lei 1/1992, de artesanía de Galicia) que comercialicen a produción dos seus socios ou asociados xuntarán, ademais, certificación ou documento acreditativo da súa constitución legal, estatutos e relación de socios compoñentes.
Para a renovación/modificación do obradoiro artesanal:
- Certificado de alta no imposto de actividades económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
- Copia do NIF de persoa xurídica, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
- A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
- A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
- Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.