Donas
Esta parroquia, que só conta con oito casas e 12 habitantes, ten unha extensión aproximada de 1,20 Km2. sendo a máis pequena de Galicia. O nome da parroquia procede do antigo convento de San Breixome, residencia de relixiosas beneditinas. (Donas-Señoras).
Atópase nun pequeno val que se forma nunha volta do río Ulla inmediatamente antes da Garganta do Gundián, cunha altitude media de 182 m.. As súas terras moi produtivas permiten acadar ata tres colleitas anuais. Destacan as augas sulfurosas das súas fontes, así como as termais xa nos límites coa poboación de Caldelas. O curso do río Pontillón ao seu paso por este lugar forma unha curiosa fervenza con tres caídas, sendo a de maior altura de todo o concello.
Igrexa Parroquial de San Pedro de Donas
Aparece descrita en 1748 en estado ruinoso polo que se acomete a necesaria reforma. A pesar dos arranxos, consérvanse os muros da antiga estrutura barroca da capela maior. Mentres que o exterior mantén vixentes os trazos das obras da segunda metade do século XIX seguindo pautas historicistas, con muros desprovistos de decoración e lisos, xunto a un tipo de espadana habitual destes anos cun só corpo e remate piramidal.
Retablos: Retablo Maior.
· Escultura: San Pedro, Sagrado Corazón de Xesús, San Roque, San Antonio de Padua, Inmaculada Concepción, Nosa Señora do Carme, Santa Rita de Casia, Cristo Crucificado, Santa Teresa, Virxe da Paz.
Cruceiro Parroquial
Realizado en formigón, presenta plataforma e pedestal cuadrangular, varal octogonal con estrías e capitel cuadrangular con brazos con chafráns. No anverso, a imaxe do Crucificado e no reverso, a Virxe do Carme co Neno Xesús.
Casa Grande de Donas
Antiga residencia das relixiosas beneditinas e actualmente reformada e vinculada a unha grande explotación agraria. Ligada á familia García Trazar conserva a súa estrutura orixinal con columnas de cantaría, cinco lagares para o viño, un hórreo en madeira sobre piares de cantaría e un antigo pombal.
Fervenza de Donas
Espectacular salto de auga no que o desnivel do terreo obriga ao río Pontillón a caer formando tres fervenzas que constitúen as de maior altura do concello.