Pousada
Parroquia de 4,30 Km2. e 195 habitantes situada en terreo máis ben chairo con monte e labradío. A súa produción máis destacada é a agrícola, gandeira e forestal. Dispón así mesmo dunha puxante industria de carpintaría. Mira á posta do sol sobre a desembocadura do Ulla, dende a perspectiva que lle dá a súa altitude (208 m. de media) antes das ladeiras e baixadas sobre o río. Conta con dez entidades de poboación: Camporrapado (compartida con Oural), A Corna, O Corral, A Eirexe, Guisande, Loureiro, O Pardiñeiro, O Pazo, O Pumariño e A Torre. Ten boas comunicacións internas a través das recentes pistas de concentración parcelaria e na súa parte máis oriental crúzaa a estrada AC-260 Santiago-Vila de Cruces.
Igrexa Parroquial de San Lourenzo de Pousada
Nesta igrexa de planta de salón podemos falar de xustaposición de estilos: mentres o exterior mantén características barrocas, o interior segue pautas historicistas, consecuencia das sucesivas reformas sufridas durante os dous últimos séculos. As primeiras noticias recollidas nos libros parroquiais desta parroquia datan da segunda metade do século XVIII. Desta época do último barroco correspóndense a fachada e espadana que aínda se conservan. O interior mantén o arco triunfal de acceso á capela maior, obra do primeiro cuarto do século XIX, mentres o púlpito é xa de datas máis recentes (1919).
· Retablos: Retablo Maior, Retablo do Santo Cristo e Retablo da Concepción.
· Imaxinaría: Cristo Crucificado, San Roque, San Lourenzo, Sagrado Corazón de Xesús, Anxo Custodio, Virxe con neno, San Antonio de Padua, Inmaculada Concepción e María Magdalena
Capela de Nosa Señora da Fonte
Obra de sinxelo trazado que debuxa unha planta en cruz de nave única. Foron numerosísimas as composicións e reformas que sufriu o santuario dende a súa edificación. Da primitiva fábrica barroca mantéñense os muros existentes no 1748 e a espadana cuadrangular enriquecida con motivos xeométricos.
· Retablos: Retablo Maior e Retablo da Nosa Señora do Carme.
· Imaxinaría: Nosa Señora do Carme, Santa Lucía e Nosa Señora da Angustia.
No seu adro verte as augas unha fonte á que se lle atribúen propiedades milagreiras capaces de curar todos os males
Cruceiro Parroquial
Atópase xunto á igrexa e está realizado en granito. Presenta plataforma e pedestal cuadrangular con remate en chafráns. Gran cruz circular.
Cruceiro de Pumariño
Xunto á capela de Nosa Señora da Fonte está este cruceiro de granito. Plataforma e pedestal cuadrangular con molduras e escocia. Varal octogonal e capitel cuadrangular con molduras. Cruz octogonal con remates floreados.
Centros socioculturais de Pousada
Centro sociocultural do Campo da Festa de Pousada
Centro sociocultural de Loureiro