Boqueixón
Esta freguesía atópase na zona norte do Pico Sacro, ocupando unha lixeira pendente que se forma co val que mira a este monte. Terras fértiles, con abundantes bosques e unha altitude media de 248 m., cruzada polo río Pontillón. Os seus 267 habitantes viven nas entidades de Casanova, A Eirexe, O Forte, Lamparte, Maravexás, Orto, Piñeiro de Abaixo e Piñeiro de Arriba que, en total, supoñen unha extensión de 8,20 Km2.
O nome de Boqueixón procede da parroquia de San Vicente de Boqueixón e non dunha entidade singular de poboación. Na actualidade a capital municipal e a sede da Casa do Concello está no Forte, a 15 Km. de Santiago de Compostela.
Igrexa Parroquial de San Vicente
Atópase no lugar da Eirexe. O templo parroquial construíuse todo de novo no século XVIII. No ano 1728 levántase a fachada principal, campanario e portas con bufarda, todo isto en cantaría, cun custo total de oitenta e oito reais. O interior elimina toda decoración potenciando a súa planta de cruz latina de orixe barroca enmarcada por pilastras. Nela mantéñense os muros orixinais na parede da Epístola, así como os da capela lateral do Carme, levantada no ano 1827. O exterior conserva igualmente a fachada coa espadana de recordos aínda barrocos nos seus pináculos, a pesar de ser xa do primeiro cuarto do século XIX.
No seu interior merece a pena deterse a contemplar:
· Retablos: Retablo Maior, Retablo do Sagrado Corazón de Xesús, Retablo da Nosa Señora de Fátima.
· Imaxinaría: Nosa Señora do Rosario, San Antonio de Padua, Sagrado Corazón de Xesús, San Roque, Nosa Señora de Fátima, Nosa Señora do Carme, Xesús Salvador, San Vicente, San Xosé e o Cristo Crucificado.
Capela de Orto
Pequena e sinxela capela de planta rectangular destacando na súa fachada o pequeno campanario realizado en cantaría.
Cruceiro de Orto
Realizado en granito, o seu pedestal cuadrangular recolle unha inscrición coa data de construción, 1647. Varal octogonal e capitel cúbico con volutas levando símbolos da Paixón, caveira con tibias en X, etc. Cruz cuadrangular co Crucificado no seu anverso e a Purísima coroada no reverso.
Cruceiro de Piñeiro
No lugar de Piñeiro, no mesmo campo da festa atopamos este cruceiro de plataforma octogonal e capitel corintio con querubíns. Cruz circular co Crucificado xunto a un anxo que recolle o seu sangue no anverso e a Virxe Dolorosa no reverso.
Castro
Moi preto da Igrexa atópanse en propiedade privada os restos dun castro, que segundo contan as lendas do lugar, entre as súas ruínas existen vasillas de cerámica con moedas de ouro.