Lamas
Situada ao norte do Pico Sacro e regada polo río Freixido, ocupa unha extensión de 5,50 Km2. Alcanza unha altura máxima no monte Feal (385 m), sendo moi fértil a súa terra dedicada á produción agropecuaria. Os seus 293 habitantes viven en once entidades de poboación: O Burgo, O Casal, A Costiña, A Eirexe, A Espiñeira, Manlle, O Outeiro, Senande, A Torre, Vigo e Zaramacedo.
Cruzaba esta parroquia a Vía Romana que recolle Antonino no seu Itinerario, que permitía a comunicación entre Braccara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), a través da cidade milenaria de Lucus Augusti (Lugo).
Igrexa Parroquial de Santa María de Lamas
A súa construción iníciase no século XVIII, constituíndo un claro exemplo do barroco galego. Os arquitectos e mestres desenvolveron neste edificio os máis significativos materiais e elementos deste estilo durante as diferentes etapas da súa construción. A penas se mantén nada do edificio levantado en1716-1718, pois na década dos setenta, coa reforma da capela maior, vense na “obriga” de elevar as paredes orixinais e aproveitan o momento para proceder á obra da sancristía. Este interior é o que atopamos na actualidade. A última parte do templo débese ás remodelacións e reformas do século XIX, anos nos que se levanta a fachada que enriquece o edificio cunha arquitectura baseada no uso de pilastras que se animan con placas e pináculos, conseguindo evitar nos muros a sensación de pesadez. As pinturas das bóvedas e a cúpula xunto á torre presentan unha tipoloxía repetida durante a primeira metade do século, que toma como modelo os campanarios barrocos.
· Retablos: Retablo Maior, Retablo do Santo Cristo e Retablo da Nosa Señora da Purificación.
· Imaxinaría: San Bieito, Santa Escolástica, San Roque, Asunción de María, San Xosé, Santo Cristo, Nosa Señora da Dores, San Xoán, Xesús Crucificado e a Inmaculada Concepción.
Cruceiro de Lamas
A súa orixe remóntase ao século XIX, presenta plataforma cuadrangular e pedestal cúbico con remates. Varal circular con adorno vexetal en espiral. Capitel cilíndrico con volutas e imaxes nas catro caras. Cruz circular, no seu anverso contemplamos ao Crucificado e no reverso, a Piedade. Todo esculpido en granito.
Casa Grande de Lamas
Próxima á Igrexa parroquial, antigamente pertenceu á familia Crespo. Reformada recentemente mantén un estilo modernista cun corpo central e dous laterais en forma de cubo. Conserva un gran hórreo e o pombal.
Local sociocultural de Lamas