A Conselleira de Infraestuturas, Ethel Vázquez, visitou esta mañá as obras que se están a levar a cabo na Travesía de Boqueixón e abordou co alcalde, Ovidio Rodeiro, o proxecto de construción do novo itinerario peonil.
A titular de Infraestruturas en funcións detallou que actualmente a Xunta está a executar as obras de mellora das estradas AC-960, a travesía que vertebra o municipio de leste a oeste, e nun tramo da AC-261, que conecta directamente con Santiago de Compostela, para mellorar a seguridade viaria por un importe de 400.000€.
Esta actuación compleméntase co proxecto da senda peonil de 2 quilómetros, que unirá A Susana e A Eirexe co Polígono de Sergude cun investimento de 600.000€.
A senda forma parte das actuacións proxectadas dentro do Plan de Sendas de Galicia co que se está a vertebrar a mobilidade peonil baixo criterios de integración paisaxística, sustentabilidade e seguridade viaria, ao tempo que se incentivan os hábitos de vida máis saudables.