Con motivo da celebración do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, unha vez máis, este Concello quere manifestar a súa repulsa de cara a este negocio ilegal que atenta contra os dereitos das persoas, un negocio que inclúe prácticas de diversos tipos: dende a trata de persoas para traballos ilegais ou forzados ata a prostitución ou a explotación sexual. Cabe mencionar que o 80% das persoas que sofren esta problemática son mulleres e nenas que se ven enganadas e sometidas a ameazas psicolóxicas coa finalidade de deshumanizalas para ser tratadas como mercancía.
De novo queremos sumarnos ás campañas de sensibilización que se están a desenvolver para conmemorar esta data, e axudar así a facer visible esta causa que atenta gravemente contra os dereitos humanos.