A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá un millón de euros en mellorar a rede de saneamento de Boqueixón. Así se recolle no convenio que asinaron onte no concello a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde, Ovidio Rodeiro.
Os traballos centraranse en ampliar as instalacións hidráulicas de distintas parroquias do municipio. En concreto, está previsto executar unha nova EDAR en Sergude, que permitirá a conexión do saneamento dos núcleos máis próximos e que vai facilitar a ampliación do solo industrial que recolle o planeamento municipal vixente. Ademais, tamén se construirá unha nova depuradora de 100 habitantes equivalentes na parroquia de Gastrar, xunto con dúas redes de 1 quilómetro de lonxitude que recollerán as augas residuais da zona. Ao mesmo tempo, o obxectivo tamén será ampliar as redes de saneamento doutros lugares do concello, como Vilaboa, en Gastrar, ou Alboia, en Lamas.
Colaboración en materia de urbanismo
Mato aproveitou a súa visita ao concello para adiantar que a Xunta está estudando un proxecto en materia de urbanismo remitido polo concello de Boqueixón, que se inscribiría no Plan Hurbe.
A proposta ten como obxectivo mellorar e acondicionar diversos espazos do municipio, a través dun orzamento de 80.000 euros. Actualmente, os técnicos están estudando a documentación, pero a conselleira adiantou que a primeira valoración “é moi positiva”.