- A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, confirmoulle ao alcalde de Boqueixón esta actuación que consistirá na mellora da pavimentación das rúas
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co Concello de Boqueixón na mellora da Travesía de Camporrapado, Travesía de León (Oural), o acceso á praza e a Casa da Cultura, e da rúa Ponteledesma.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladoulle este compromiso do departamento que dirixe ao alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, co que mantivo unha reunión e na que lle confirmou que a Xunta de Galicia aportará un orzamento de máis de 80.000 euros para levar a cabo esta mellora.
Trátase da pavimentación da Travesía de Camporrapado, cunha lonxitude 80 metros, mellorarase a pavimentación da rúa e tamén se fará a canalización para augas pluviais; mentres que na Travesía de León, no acceso á Casa da Cultura, na rúa Ponteledesma, na rúa Mestre Manuel Gacio e na rúa Francisco Sinde levarase a cabo unha mellora da capa de rodaxe.
A conselleira indicoulle que esta actuación, que se enmarca dentro do Plan HURBE, é posible a través da nova dotación orzamentaria de cinco novos millóns de euros que manexará o seu departamento, grazas a inxección que recibirá a Comunidade galega polo cumprimento do déficit.