Do 24 de outubro ao 3 de novembro o Museo estivo de festa de aniversario. Corenta anos dedicados a conservar, estudar e difundir a cultura de Galicia. Nesta celebración abriuse ao público e aos artesáns e artistas para que nos deran a súa especial visión do Museo. Moitas persoas pasaron por este espazo para compartir os seus afectos e emocións co Museo e as súas pezas, para mostrarnos como os saberes que atesouran as nosas coleccións se poden utilizar para construír novas formas da máis radical actualidade.
Dos obradoiros realizados foi quedando unha pegada de pezas e saberes que hoxe podes contemplar nesta sala coma un ronsel dos días de celebración. Nos vídeos e nos obxectos expostos pódese sentir o ser deste Museo e compartir o agarimo e aprecio que suscita e que o definen coma unha obra colectiva das galegas e os galegos.
Tamén pasaron por aquí moitas persoas relacionadas co Museo dalgunha maneira ou outra, coma colaboradoras, socias, doantes, patroas e patróns, que nos contaron a súa relación e vinculación co Museo, deixando un audiovisual con todos eses testemuños.
Así, os resultados de todas estas actividades conforman esta mostra que permanecerá aberta ata o 7 de xaneiro de 2018.
AXENDA: Ata o 7 de xaneiro
Horario: de martes a sábado, 10:30-14:00 e 16:00-19:30
domingos e festivos, 11:00-14:00
Para máis información:
David Conde Lourido, 981 583 620