O polideportivo municipal do Forte acollerá o XXXII Encontro de Maiores de Boqueixón o sábado 3 de maio. A festa comezará ás 12:30 horas cunha misa no salón de actos do CPI Antonio Orza Couto. O xantar de confraternidade está previsto para as 13:30 horas e dará paso a unha sesión musical e de animación, con sorteos, agasallos e unha homenaxe ás persoas de maior idade.
O Concello bonificará a entrada das persoas empadroadas de 60 ou máis anos e pensionistas acreditadas, que só achegarán 15€, mentres que o resto de participantes terá que pagar os 35€ do prezo do menú. Ademais, o Concello facilitará traslado en autobús ás persoas que o soliciten. As entradas deberán recollerse no Concello antes do 30 de abril. Máis información: 981 513 115.