A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, asistiu esta mañá á presentación do novo libro dos Bolechas centrado nos lumes forestais, na que participaron preto dun cento de cativos . Unha presentación que tivo lugar no Pazo de Quián e á que asistiron nenos e nenas do CRA Boqueixón-Vedra «Neira Vilas» e o concelleiro de Mantemento e Limpeza de Boqueixón, José Manuel Iglesias Gómez.
Tal e como explicou a conselleira, o obxectivo desta publicación é fomentar a participación activa e responsable dos escolares na protección do medio natural fronte aos incendios forestais, permitindo que tomen conciencia do valor dos bosques dende idades temperás. María José Gómez incidiu en que grazas a estas publicacións os cativos aprenden como se xestiona a prevención e extinción dos lumes na nosa comunidade e o operativo existente para xestionar estas situacións.
Así, nenos e nenas poderán coñecer a ampla variedade de persoal que traballa na loita contra os lumes, dende axentes ambientais ata informáticos, bombeiros, pilotos ou emisoristas, entre moitos outros; así como as ferramentas, a maquinaria e o sistema de vixilancia que se emprega. A conselleira explicoulle aos escolares que a prevención é o mellor xeito para loitar contra os incendios forestais, e que por iso dende a Dirección Xeral de Defensa do Monte se levan a cabo traballos deste tipo durante todo o ano, como a creación de cortalumes, a construción de depósitos de auga para usar en caso de incendio, xestionando a biomasa e abrindo camiños para acceder ás emerxencias.
Seguindo esta liña, remarcou que estas iniciativas son fundamentais para concienciar aos “adultos de mañá”, para que sexan conscientes da importancia dos bosques e para que saiban como actuar no caso de detectar un lume forestal, chamando ao 085 ou ao 112.