O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá á rapazada que participa no servizo de conciliación Semana Santa Activa, que cubriu as 25 prazas ofertadas. Rodeiro Tato puido participar na actividade desenvolta esta mañá, que era a elaboración dun barco pirata cunha illa deserta, así como entregarlles un agasallo a cada un pola súa participación.
Semana Santa Activa é un programa lúdico educativo organizado polo Concello de Boqueixón para facilitar a conciliación laboral e familiar durante as vacacións de Semana Santa (14, 15, 16 e 21 de abril). As actividades, dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, desenvólvense en instalacións municipais e no CPI Antonio Orza Couto en horario de 9:00 a 14:00 horas.