O director xeral de Planificación de Ordenación Forestal, José Luis Chan; o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; e concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias, participaron esta mañá nunha plantación de frondosas autóctonas na contorna do Pico Sacro con escolares de 1º e 3º da ESO do CPI Antón Orza Couto.
José Luis Chan destacou que este tipo de actividades son de especial interese para poñer en valor os bosques e as árbores entre a mocidade. Así, sinalou que estas plantacións serven para concienciar sobre a importancia destes ecosistemas; así como para sensibilizar á xente nova sobre a necesidade da súa protección, ordenación e fomento.
Pola súa banda, Ovidio Rodeiro puxo de manifesto que “esta é a segunda plantación que realizamos en colaboración coa Xunta de Galicia para poñer en valor a contorna do Pico Sacro, un dos referentes turísticos, naturais e culturais xa non de Boqueixón senón de Galicia”. Así mesmo, agradeceu a colaboración do CPI Antón Orza Couto nesta actividade “para achegar aos nosos mozos e mozas a importante de coidar do noso medio natural e poñer en valor o noso patrimonio”.
Cómpre lembrar que as árbores plantadas hoxe forman parte dos preto de 8.000 exemplares cedidos polo Goberno autonómico a diferentes centros de ensino, concellos e comunidades de montes veciñais de toda Galicia para realizar estas plantacións no marco do Día Internacional dos Bosques.