O Concello de Boqueixón organiza sete cursos de formación dixital gratuíta que se impartirán nas parroquias durante os meses de abril e maio. Unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 55 anos para que aprendan a navegar con seguridade e confianza por Internet e a usar o seu móbil ou tablet para comunicarse por videoconferencia, facer xestións no seu banco, pedir unha cita médica, comprar online ou aproveitar o seu tempo de ocio e creatividade na rede.
Os cursos teñen unha duración de catro horas, repartidas en dous días. A primeira sesión centrarase en dar a coñecer ferramentas de ocio creativo e comunicación, coas que a veciñanza accederá a aplicacións para aproveitar os seu tempo de lecer na Rede e manter unha mente activa. A segunda sesión presentará ferramentas para realizar trámites de xestións administrativos, ademais de explicar como realizar compras seguras na rede.
Uns cursos que teñen como obxectivo final que a veciñanza de Boqueixón aumente a súa independencia e autonomía persoal, mellorando a súa autoestima e favorecendo un envellecemento activo e saudable.
As persoas que desexen participar deben comunicalo ao concelleiro/a da parroquia ou chamar ao teléfono 981 513 115, con 15 días de antelación ao inicio do curso.
Os cursos e os horarios son os seguintes:
- LESTEDO. Local social (2ª planta). Días 1 e 3 de abril, de 16:00 a 18:00 horas.
- BOQUEIXÓN / A GRANXA. Casa do Concello. Días 6 e 8 de abril, de 16:00 a 18:00 horas.
- LEDESMA. Local social (baixo). Días 28 e 30 de abril, de 16:00 a 18:00 horas.
- CODESO / DONAS / A GRANXA. Local social de Codeso. Días 5 e 6 de maio, de 16:00 a 18:00 horas.
- LAMAS / LOUREDA / GASTRAR / VIGO. Local social de Lamas (casa do cura). Días 12 e 14 de maio, de 16:00 a 18:00 horas.
- SERGUDE. Local social. Días 19 e 20 de maio, de 16:00 a 18:00 horas.
- OURAL / POUSADA / SUCIRA. Cas da Cultura. Días 27 e 29 de maio, de 16:30 a 18:30 horas.