O Servizo de Atención Psicolóxica do Centro de Información á Muller (CIM) realiza atención e asesoramento psicolóxico ás mulleres que así o demandan. Durante o ano 2024 foron 47 as persoas atendidas en Boqueixón e Vedra, concello co que se mantén un convenio de colaboración dende o ano 2018.
Durante o 2024, o 48,9% das mulleres atendidas acudiron por unha situación de violencia de xénero ou agresión sexual, o que deixa constancia da importancia deste servizo de proximidade para a detección e axuda a mulleres que sofren algún tipo de violencia. As restantes atencións corresponden a casos de violencia doméstica, separacións, divorcios, outras dificultades de parella e mulleres coa síndrome da persoa coidadora, entre outras demandas.
O CIM de Boqueixón Vedra é un servizo especializado na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero formado por unha directora-avogada e unha psicóloga. Na área psicolóxica préstase ademais atención en casos de depresión, ansiedade, baixa autoestima, dificultades de parella, problemas familiares, etc., así como apoio a persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia. Trátase dun recurso de apoio de carácter gratuíto que se presta á fin de proporcionar as ferramentas precisas para mellorar a situación emocional da persoa usuaria.
A atención xurídica do CIM ten lugar de luns a venres, de 8:00 a 15:00 horas; mentres que a atención psicolóxica préstase os luns, mércores, xoves e venres, no mesmo horario. En ambos os dous casos é precisa cita previa, a cal pode solicitarse chamando ao CIM (981 513 106).
Programa CoidarNos
En canto ás persoas que sofren a síndrome da persoa coidadora (que representaron o 23,5% das persoas atendidas) teñen á súa disposición o programa CoidarNos, un grupo de apoio para persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia que leva funcionando 8 anos. As reunións teñen lugar o terceiro mércores de cada mes en horario de tarde, de 17:00 a 19:00 horas, no Local Sociocultural de Sergude.
Actualmente hai prazas dispoñibles, polo que as persoas que estean interesadas en participar poden solicitar máis información no Departamento de Servizos Sociais e Igualdade.
CONSULTAS DO SERVIZO DE ATENCIÓN PSICOLÓXICA 2024 | ||
Motivo | Mulleres | Porcentaxe |
Violencia de xénero e agresións sexuais | 23 | 48,9% |
Violencia doméstica | 3 | 6,38% |
Separación e/ou divorcio | 2 | 4,25% |
Outras dificultades de parella | 4 | 8,5% |
Persoas coidadoras | 11 | 23,4% |
Outras atencións | 4 | 8,5% |
Total | 47 | 100% |