O Concello de Boqueixón informa de que a Xunta de Galicia vén de convocar novas axudas para facilitar a adquisición de vivenda, cun investimento total de 3,8 millóns de euros, segundo recolle a convocatoria publicada polo Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 27 de xaneiro e rematará o 15 de outubro.
Haberá tres liñas de axudas:
- A primeira, que se incrementan en 400.000 euros con respecto á convocatoria de 2024, está dirixida a persoas menores de 36 anos para a compra de vivenda situada en concellos como Boqueixón, é dicir, de menos de 10.000 habitantes. As axudas poden chegar ata os 10.800 euros por vivenda. Para poder acceder a elas, as vivendas deberán ter un prezo inferior a 120.000€ e ter sido adquiridas con posterioridade ao 31 de outubro do 2024. Ademais, as persoas beneficiarias deberán ter ingresos iguais ou inferiores a 3 veces o Iprem.
- A segunda modalidade de axudas é a relativa á adquisición de vivenda en cascos históricos. Neste caso, as axudas son de ata 12.800€ por vivenda, para menores de 36 anos; e ata 10.800€, para maiores desa idade. Ademais, se a vivenda obxecto da adquisición está situada nun ámbito declarado Área Rexurbe, a axuda pode acadar ata 15.000€, independentemente da idade.
- A terceira liña de subvencións correspóndese coa compra de vivenda protexida. No caso de vivendas situadas nas cidades da Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ferrol, as axudas serán de ata 20.000€, para os menores de 36 anos, e ata 16.000€ para o resto das persoas compradoras. Para vivendas emprazadas nos restantes municipios de Galicia, as achegas serán de ata 16.000€, para menores de 36 anos, e ata 12.000€ para o resto das persoas adquirintes.
A través destas achegas adquiríronse 430 vivendas en 130 concellos durante o ano pasado. Delas, 341 foron en municipios de menos de 10.000 habitantes, o que permite revitalizar concellos pequenos como Boqueixón. Podes consultar as bases e descargar as follas de solicitude neste enlace.