O local social de Ledesma acollerá o vindeiro luns 13 de xaneiro, a partir das 20:00 horas, unha nova edición das charlas informativas por parroquias organizadas polo Concello de Boqueixón. Unhas reunións que inclúen dúas partes: unha charla informativa do alcalde coa veciñanza e unha sesión da campaña de compostaxe doméstica.
O alcalde, Ovidio Rodeiro, acompañado por concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno, abrirá a sesión facendo unha exposición sobre a actualidade municipal, centrada nos temas de interese para a parroquia. Unha exposición inicial e que dará paso a unha conversa aberta cos veciños e veciñas que asistan. Lembramos que a participación é totalmente libre e non precisa de inscrición.
Compostaxe doméstica
Por outra banda, terá lugar unha nova sesión informativa da Campaña de Compostaxe doméstica posta en marcha polo Concello para reducir a pegada ecolóxica dos veciños e veciñas a través da valorización in situ dos residuos orgánicos que se xeran nos fogares, fomentando deste xeito a sostibilidade ambiental e social no rural. Unha ocasión para que a veciñanza de Ledesma que participa na campaña poida resolver as súas dúbidas e aprender nova información sobre a compostaxe, pero tamén para que aqueles veciños e veciñas que aínda non se sumaron á iniciativa poidan facelo. Máis información en biorresiduos@concellosostible.gal e no 699 526 341.
Esta iniciativa está promovida polo Concello de Boqueixón e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, así como coa financiación da Unión Europea a través dos Fondos NexGenerationEU.
Próximas sesións
Despois de Ledesma, as reunións informativas e a campaña de compostaxe doméstica trasladaranse o xoves 16 de xaneiro ao salón de plenos da Casa do Concello. Unha sesión dirixida aos veciños e veciñas da parroquia de Boqueixón e que terá lugar a partir das 20:00 horas.
A terceira e derradeira sesión do mes de xaneiro terá lugar unha semana despois, o xoves 23 de xaneiro no local social de Lestedo, tamén a partir das 20:00 horas.