Gran afluencia de familias á Tarde de Reis organizada polo Concello de Boqueixón o pasado domingo 5 de xaneiro no polideportivo municipal do Forte. Unha gran festa na que os numerosos nenos e nenas presentes tiveron a ocasión de achegarse a Melchor, Gaspar e Baltasar para lembrarlles as súas peticións e levar unhas lambonadas para a casa.
A Tarde de Reis abriu as súas portas ás cinco da tarde, cunha nova edición do Boqueixogo, onde catro grandes inchables fixeron as delicias dos pequenos. Pasadas as seis e media fixeron a súa aparición os Reis Magos, que foron recibidos polo alcalde, Ovidio Rodeiro, á fronte de integrantes da corporación municipal.
O alcalde aproveitou para felicitar as festas a toda a veciñanza e para pedirlles ás Súas Maxestades que esa noite lles trouxeran moitos agasallos aos nenos e nenas de Boqueixón porque «foron os que mellor se portaron do mundo». Algo que corroborou posteriormente Melchor, quen mesmo preguntou aos nenos e nenas presentes como se portaran na casa e nos estudos.
Tras a recepcións das súas maxestades, a concelleira de Servizos Sociais, Ángela Conde, procedeu ao sorteo de agasallos, realizados en colaboración con SBC Gasolineras. Uns regalos que foron entregados polo alcalde, a propia Ángela Conde, o concelleiro de Obras, Manolo Fernández Munín, e o director xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia, Emilio José de la Iglesia Lema.
A Tarde de Reis rematou cunha degustación de roscón de reis con chocolate quente para todas as persoas asistentes.
Paralelamente, os cociñeiros de «Galicia sabe amar» estiveron repartindo de balde petiscos elaborados con produtos certificados do mar e da terra. No caso concreto da Tarde de Reis, os presentes puideron degustar dúas receitas: unha croqueta de choco de PescadeRías e ali oli de pementos de Herbón e humus de fabas de Lourenzá e Mexillón de Galicia á carbonara do mar.
«Galicia sabe amar» é unha campaña da Xunta de Galicia para animar á cidadanía a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo.