O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitaron na mañá do sábado o resultado das obras de rehabilitación integral realizadas no CPI Antonio Orza Couto. Unha visita na que estiveron acompañados pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o concelleiro de Industria, Turismo e Desenvolvemento Local de Boqueixón, José Luís Mareque; e o director do centro educativo, Ángel Manuel Manciñeiras.
Ovidio Rodeiro salientou que “este é o maior investimento que se ten realizado no CPI Antonio Orza Couto nos seus máis de cincuenta anos de historia”, pois o centro foi construído no 1970, e destacou “a boa acollida que tiveron estas obras na comunidade educativa de Boqueixón, como ben nos transmitiron os propios nenos e nenas durante o pasado pleno infantil”.
Así mesmo, o alcalde de Boqueixón aproveitou a visita do conselleiro e da delegada territorial para amosarlles sobre o terreo os proxectos que manexa o Concello para mellorar a mobilidade na contorna do CPI Antonio Orza Couto, e que tamén beneficiarían a todas as persoas que acoden ao centro de saúde, ao ximnasio municipal, ao campo municipal do Forte ou ao polideportivo municipal.
Plan de nova arquitectura pedagóxica
Pola súa banda, o titular do departamento educativo da Xunta destacou que o Goberno galego leva investidos máis de 800.000 euros nunha rehabilitación integral do centro educativos de Boqueixón no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “Estamos a dar un forte pulo á modernización dos centros ao abeiro desta folla de ruta, coa que poñemos tamén especial fincapé na sustentabilidade medio ambiental, con actuacións como cambios de cubertas, illamento de fachadas, instalación de novas fiestras ou renovación de luminarias e falsos teitos, entre outras”, detallou o conselleiro.
“Todos estes cambios redundan non só nunha maior eficiencia enerxética dos edificios educativos, senón tamén no confort da comunidade escolar e no seu día a día nos centros”, abondou o conselleiro.
Actuacións no CPI
No que atinxe ao CPI Antonio Orza Couto, investíronse máis de 800.000 euros na rehabilitación integral do centro con actuacións como o illamento térmico das fachadas, a renovación dos falsos teitos, a instalación de luminarias led e tarefas de pintura tanto no edificio de infantil como no de Primaria. Así mesmo, no edificio de Primaria tamén se mudou a cuberta de tella orixinal por unha de panel sandwich e as fiestras. No comedor cambiáronse as fiestras, melloráronse os canos, instaláronse novas luminarias e acometeuse o illamento térmico polo exterior.
Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual no edificio de Primaria de preto do 50%, en canto a consumo de enerxía e tamén en emisións de CO2, mentres que no edificio de Infantil estes aforros van estar no entorno ao 34%.
A maiores, mellorouse o peche da parcela e creouse un acceso cuberto ao edificio de Infantil e para a comunicación deste co comedor mediante unha pérgola metálica e homoxeneizouse o pavimento para mellorar a accesibilidade. Esta pérgola permite que, nos días de chuvia, o alumnado poida acudir ao comedor sen ter que mollarse.
Esta non é a única actuación de mellora que se acomete neste centro escolar nos últimos anos. Así, no verán de 2019 a Xunta investiu 48.000 euros no cambio da cuberta do CPI Antonio Orza. Por outra banda, no ano 2016 investiranse outros 60.000 euros na substitución das fiestras de varias aulas de infantil, dos canalóns da cuberta e das baixantes de auga para evitar humidades e filtracións.