O Concello de Boqueixón e a Cámara Mineira de Galicia, en colaboración coa Consellería de Economía e Industria, veñen de instalar un tótem informativo sobre o cuarzo do Pico Sacro. Un punto informativo emprazado ao pé do monte Ilicino, a carón do aparcamento e ao lado do principal panel turístico informativo sobre o Pico Sacro.
Ao igual cos outros tótems e puntos informativos despregados ao longo do monte sagrado boqueixonés, conta cun código QR de enlace a un vídeo didáctico onde se pode obter máis información sobre esta cuestión. “Este ano o ciclo Un mes e pico estivo dedicado á xeoloxía e nel puxemos en valor a singularidade xeolóxica que supón o Pico Sacro: unha montaña de cuarzo nun territorio caracterizado polo granito”, explica Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón.
De feito, o propio tótem refírese ao Pico Sacro como un “patrimonio mineiro de Galicia” xa que é o punto máis elevado dun dique de cuarzo de 9 quilómetros de lonxitude. Un filón que supón un elemento único da xeoloxía e da minería de Galicia. Este dique de cuarzo orixinouse ao final do período xeolóxico denominado cabonífero, hai uns 300 millóns de anos, debido a unha falla xeolóxica na que penetraron fluídos ricos en sílice que depositou o cuarzo. De feito, o camiño da Raíña Lupa conforma un pequeno corte no dique de cuarzo que permite atravesalo dun extremo ao outro.
Mellora da sinalización
Coa instalación deste novo tótem, o Concello de Boqueixón culmina un ano no que renovou e mellorou toda a sinaléctica da contorna do Pico Sacro, que se atopaba nun deficiente estado debido ao paso do tempo. En colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, o Concello incorporou a principios de 2024 tres grandes paneis informativos en tres idiomas (galego, español e inglés) e outros cinco postes con pequenos códigos QR sobre os distintos lugares de interese.
Uns códigos que tamén se incorporaron aos tres principais paneis informativos. O primeiro deles, “Pico Sacro, a primeira tumba do Apóstolo”, está emprazado a carón do novo tótem da Cámara Mineira de Galicia. Nel infórmase ás persoas visitantes sobre as covas do Pico, a fenda que divide o cumio, o castelo do Pico e o monte Ilicino como miradoiro. O segundo panel está dedicado exclusivamente á Capela de San Sebastián, estando emprazado ao seu carón. E o terceiro está emprazado no cumio do Pico Sacro e consta dunha gran fotografía panorámica na que se identifican vilas, trazados de Camiños Xacobeos, as torres da Catedral…