O Concello de Boqueixón vai celebrar unha serie de reunións informativas por parroquias, que terán lugar entre decembro de 2024 e febreiro de 2025. A iniciativa xorde “despois da boa recepción que tiveron os encontros parroquiais previos ao inicio da parcelaria de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo. Unhas reunións nas que demos conta non so da concentración, senón tamén doutros asuntos de interese municipal e resolveron tamén as dúbidas plantexadas polos veciños e veciñas”, explica Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón.
A primeira destas reunións terá lugar no local social de Gastrar este luns 9 de decembro, ás 20:30 horas. En todos os encontros a participación será totalmente libre e non precisará de inscrición algunha. Unhas reunións á que acudirán o alcalde, acompañado por concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno, que farán unha exposición sobre a actualidade municipal, centrada nos temas de interese para a parroquia, e que dará paso a unha conversa aberta coas persoas que participen.
Así, no encontro de Gastrar trataranse cuestións como o saneamento en Vilaboa-Xiadás, a campaña municipal de compostaxe e recollida selectiva de residuos, a numeración dixital, o proxecto DUS para o cambio de luminarias públicas a tecnoloxía LED, o POS e obras municipais en execución ou o estado do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Calendario
Todas as reunións, coa excepción da primeira de Gastrar, terán lugar ás 20:00 horas. Así, o segundo e derradeiro encontro de 2024 será no local social da Granxa, o luns 16 de decembro. Xaneiro chega con tres novas reunións en Ledesma (local social, luns 13), Boqueixón (casa do concello, xoves 16) e Lestedo (local social, xoves 23).
As outras catro reunións terán lugar en febreiro: Oural, Pousada e Sucira na Casa da Cultura de Camporrapado o xoves 6, luns 17 e luns 24 de febreiro); e Codeso e Donas no seu local social o xoves 20 de febreiro.