A Feira de Lestedo acolleu onte domingo unha nova acción informativa do Concello de Boqueixón dentro da súa campaña de compostaxe doméstica. Unha iniciativa que busca reducir a pegada ecolóxica dos veciños e veciñas a través da valorización dos residuos orgánicos que se xeran nos fogares a través de composteiros como os que se amosaron en Lestedo.
O alcalde, Ovidio Rodeiro, e o concelleiro de Industria, Turismo e Desenvolvemento Local, José Luís Mareque, achegáronse ata o punto informativo, onde coñeceron os importantes beneficios ambientais, sociais e económicos que supón a compostaxe doméstica:
- reduce as emisións de CO2 á atmosfera (ao xerar menos lixo e non ser preciso o seu transporte)
- reduce a factura a pagar a Sogama, ao producírense menos toneladas de lixo
- recupera unha tradición do rural galego: reutilizar a materia orgánica para alimento do gando e elaboración de compost
Campaña compostaxe doméstica
O Concello de Boqueixón leva dende o ano 2013 impulsando esta campaña, promovendo a participación activa e responsable dos seus veciños e veciñas. Neste tempo ten repartido case un milleiro de composteiros domésticos para converter os restos de alimentos e vexetais nun abono natural e de calidade. Deste xeito, a veciñanza contribúe a diminuír os residuos enviados a vertedoiros ao tempo que promove unha economía circular.
Esta iniciativa está promovida polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Está cofinanciada con fondos europeos relativos ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE-NexGenerationEU.
Os veciños e veciñas que desexen sumarse poden facelo no mail biorresiduos@concellosostible.gal ou chamando ao 699 526 341.