O Servizo Galego de Saúde analizará a proposta de colaboración formulada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, para resolver as deficiencias do consultorio de Lestedo. Así o acordaron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde nunha reunión mantida este mediodía no Edificio Administrativo de San Lázaro para abordar o proxecto de mellora do consultorio de Lestedo. Un encontro no que tamén participaron a secretaria xeral técnica da Consellería e veciña de Lestedo, Natalia Lobato; a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada; e o xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio.
Na xuntanza, o conselleiro transmitiu o compromiso do Servizo Galego de Saúde de avaliar a proposta municipal de mellorar a cuberta do centro sanitario e de que o persoal técnico do servizo de obras do Sergas visite proximamente o edificio municipal que acolle o consultorio.
Por outro lado, Ovidio Rodeiro trasladou o interese do Concello de Boqueixón de incluír o parque de Lestedo, inaugurado recentemente, ao programa de Parques sen Fume da Consellería de Sanidade. Esta iniciativa de desnormalización do tabaquismo conta xa con máis de 40 parques adheridos nas catro provincias.