O Concello de Boqueixón únese á campaña “Faite responsable da túa cesta”, promovida por SOGAMA para axudar aos concellos a diminuír a cantidade de lixo xerado, en especial a cantidade de comida que acaba no cubo de lixo. Unha problemática con importantes consecuencias ambientais, económicas e sociais que o Concello de Boqueixón leva anos afrontando promovendo a compostaxe doméstica entre os seus veciños e veciñas dende o ano 2013. De feito, neste tempo téñense repartido case un milleiro de composteiros e nestes momentos estase a desenvolver unha nova campaña que podes coñecer neste enlace.
A maiores, no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos 2024, compartimos tamén a guía didáctica que SOGAMA acaba de editar para axudar aos cidadans a reducir o desperdicio alimentario, que podes descargar premendo aquí.
Lembra que aínda que o desperdicio alimentario ten lugar en toda a cadea (desde a produción ata o consumo de produtos), o certo é que o fogar leva a maior porcentaxe: un 60%. Por iso, esta guía achega unha serie de recomendacións tales como planificar os menús semanais, facer unha lista da compra e cinguirse á mesma, organizar a despensa e neveira para consumir antes os produtos perecedoiros, diferenciar entre data de caducidade e de consumo preferente, dar preferencia ás froitas, hortalizas e verduras “feas”, axustar as racións ao número de comensais e, de haber sobras, aproveitalas para novos menús.
A guía tamén fai referencia á valorización da parte non comestible dos alimentos a través da compostaxe doméstica e industrial, que posibilitan a transformación dos restos orgánicos nun abono natural de alta calidade.
E se tras a lectura desta guía desexas sumarte á campaña de compostaxe municipal, só tes que solicitar o composteiro a través do correo electrónico biorresiduos@concellosostible.gal ou chamando ao teléfono 699 526 341.
Adxuntos
- Guía Sogama (2 MB)