O salón de Plenos do Concello de Boqueixón acolleu esta mañá a novena edición do Pleno Infantil, unha actividade organizada polo Departamento de Servizos Sociais coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Un total de 41 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto acudiron á casa consistorial para trasladarlle ao alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, e á concelleira de Servizos Sociais, Ángela Conde Leis, as súas reflexións sobre os seus dereitos.
Ovidio Rodeiro foi o encargado de dar a benvida á rapazada e ás súas mestras, explicando que “nesta mesa é espazo onde se debaten e toman as decisións máis importantes para a vida en Boqueixón. Aquí fálase de educación, de servizos sociais, de infraestruturas… apróbanse proxectos e programas. E hoxe imos escoitar as vosas propostas”. Así mesmo, destacou que esta actividade permite “facer un chamamento sobre as necesidades dos máis pequenos, así como facer un recoñecemento ao labor de todas as persoas que traballan todos os días con nenos, empezando coa familia que vos coida e seguindo polos profesores e profesoras”.
Así, o alcalde foi dándolle a palabra a cada un dos 12 “concelleiros/as” por un día sentados hoxe na mesa de plenos. Sara Silva actuou como representante de todos eles e salientou que durante os últimos días estiveron traballando sobre os dereitos da infancia, que foron enumerando os “concelleiros/as” mentres os seus compañeiros montaban un mural titulado “Dereitos da infancia” no propio salón de plenos. Un mural coa forma dun paraugas protector cos seus dereitos (a ter unha familia, á saúde, á educación, á alimentación, á protección contra as drogas e fronte ao maltrato infantil…) que os protexen fronte á pobreza, o maltrato, a dina… e grazas ao apoio do Goberno e das Institucións, que sostiñan o paraugas.
Finalmente, Uxía Trincado e Julia Carrillo deron lectura a un manifesto institucional en defensa dos dereitos da infancia que foi asinado polo alumnado de 5º e 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto.
Dina e suxerencias
Tras a presentación que tiñan preparada, o alcalde abriu unha quenda de “rogos e preguntas”, para que a rapazada comentara as necesidades que vían no municipio. Se ben empezaron pouco a pouco, ao final case todos os presentes presentaron un ou máis rogos á Alcaldía sobre cuestións a mellorar no municipio. A traxedia da dina de Valencia foi a protagonista das primeiras preguntas, onde a rapazada interesouse sobre como se actúa neste tipo de emerxencias dende unha administración local e sobre as actuacións preventivas que se poden adoptar en materia de infraestruturas. Ovidio Rodeiro aproveitou para explicarlles que hai un par de días que o Concello de Boqueixón enviou tres palés con alimentos e material de limpeza a Valencia, procedente das doazóns realizadas polos veciños e veciñas do municipio.
Despois, parques infantís e instalacións deportivas foron as cuestión máis recorrentes entre a rapazada. Ovidio Rodeiro explicoulles que dende decembro ata Semana Santa se van investir máis de 30.000 euros na reparación e ampliación de todos os parques infantís do municipio. Unha proposta que foi moi ben recibida polos nenos e nenas.
Ademais, as crianzas tamén aplaudiron as melloras realizadas este ano nas instalacións do CPI Antonio Orza Couto, se ben preguntaron polo destino da fonte que estaba no patio. O alcalde explicoulles que se lle está buscando un novo emprazamento.
Decoración de Nadal
Outra petición xirou en torno ao alumeado de Nadal, onde a rapazada solicitou por ampla maioría (32 votos de 41) que o Concello volvera a decorar con luces a mesma árbore do ano pasado e que engadira unha camelia que está emprazada a carón do comedor. A sesión rematou coa entrega dun osiño azul de peluxe.
Esta novena edición do Pleno Infantil foi organizada polo Departamento de Servizos Sociais de Boqueixón, dentro das actividades dirixidas á infancia e á adolescencia propostas por Unicef Galicia, e contou coa colaboración do CPI Antonio Orza Couto.