A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este mércores Viveiros Compostela, empresa familiar emprazada en Boqueixón, para anunciar que a Xunta ultima unha estratexia para impulsar o sector da planta ornamental e a flor cortada para consolidar a condición de Galicia como potencia destacada neste eido produtivo. Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.
A conselleira explicou que esta estratexia sectorial ten como principal obxectivo avanzar na produción sustentable, respectuosa co medio ambiente e que xere riqueza e oportunidades no rural. Trátase tamén de mellorar o valor engadido en toda a cadea, de manter ou aumentar a produción e o consumo, de mellorar a imaxe e o recoñecemento social dos produtores e de potenciar a promoción da planta ornamental galega.
Con este traballo -mediante un proceso participativo dos distintos axentes implicados- procédese a analizar en profundidade a situación actual da cadea de valor deste eido, avaliando as súas debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades. En función dos resultados desta análise, formularanse os obxectivos concretos que cómpre alcanzar, definindo as liñas de actuación para acadalos.
Facturación, exportación e creación de emprego
Durante o seu percorrido por Viveiros Compostela, María José Gómez puxo en valor fitos como a facturación da produción de planta en Galicia, que rolda os 48 millóns de euros anuais, así como a súa quinta posición entre as autonomías máis exportadoras. Destacou, asemade, que este sector xera na nosa terra uns 1.500 postos de traballo directos, na súa maior parte mulleres do rural, algo no que a conselleira fixo especial fincapé. Outro dato subliñado pola titular de Medio Rural foi, en particular, o da produción de camelia, que Galicia lidera dentro de Europa.
Precisamente Viveiros Compostela conta cunha vintena de empregadas, a maior parte delas mulleres, e está considerada como a principal produtora de planta de tempada en Galicia, sendo ademais un dos viveiros cun maior nivel de mecanización na nosa comunidade autónoma.