O Concello de Boqueixón informa de que o vindeiro venres 15 de novembro remata o prazo para presentar propostas á décima edición do Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”. Un certame que ten como obxectivo fomentar a creación artística e a promoción e posta en valor da riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do noso concello.
A novidade deste ano é a temática das fotografías, que deberán versar sobre aspectos que reflictan a riqueza natural, histórica, cultural e etnográfica de Boqueixón. Por iso, ademais das tradicionais fotografías de paisaxes, este ano tamén se admitirán imaxes de festas e eventos. Nos tres casos deberán ter lugar dentro do termo municipal e resultar claramente identificables.
Ademais, mantéñense as esixencias técnicas: as fotos deben ser orixinais e inéditas, presentarse en formato horizontal, cun tamaño de 2000×1500 px e resolución mínima de 250 píxeles por pulgada, en branco e negro ou toda cor. Non se admitirán montaxes, nin manipulacións que non sexan exclusivamente tratamentos da cor ou axustes relativos á calidade ou procesado da imaxe.
Premios
Cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 obras. Entre as imaxes presentadas, elixiranse doce para elaborar o calendario de 2024 do Concello de Boqueixón. A maiores, as tres primeiras clasificadas recibirán vales para empregar en calquera establecemento de Boqueixón:
- Primeiro premio: vale de 200 €
- Segundo premio: vale de 100 €
- Terceiro premio: vale de 50 €
As fotos deberán presentarse antes do 15 de novembro a través deste enlace, onde tamén se poden ler as bases do certame.