A reestruturación parcelaria de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo (Boqueixón) arrincou formalmente esta mañá coa elección da Xunta Local de zona e do grupo auxiliar de traballo que representará aos 1.195 veciños e veciñas propietarios de terreos beneficiados por este procedemento. Dous órganos elixidos pola Xunta de Titulares celebrada no Pazo de Quián, na que participaron máis de 300 veciños e veciñas do municipio e á que asistiu o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato.
Antes da elección dos representantes veciñais na parcelaria, Ovidio Rodeiro fixo fincapé na importancia deste proceso “xa que suporá reorganizar mellor o territorio e mellorar as condicións técnicas e económicas das explotacións que hai na zona, co conseguinte beneficio para os veciños e veciñas”. Un proceso de concentración solicitada no seu día pola propia veciñanza e que contou dende o primeiro momento co apoio do Concello de Boqueixón.
Así mesmo, o alcalde fixo fincapé na necesidade de que todos os propietarios e propietarias se unan á canle oficial de WhatsApp creada polo Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña para poder seguir todos os avisos informativos sobre este proceso. Un canal accesible a través dun código QR (instalado nos paneis informativos do municipio, na revista municipal Xanela e na páxina web municipal) ou a través do enlace: https://whatsapp.com/channel/0029Varb69l6xCSYFdlCQf2t. Unha información tamén dispoñible a través da web da Consellería do Medio Rural, se ben non conta con servizo de alertas: https://mediorural.xunta.gal/es/recursos/anuncios.
Elección de representantes e inicio do procedemento
Antes de proceder á elección da Xunta Local de zona e do grupo auxiliar de traballo, os técnicos da Consellería de Medio Rural explicaron á veciñanza a situación actual da parcelaria. Neste sentido, informaron de que estase a realizar dende a semana pasada o levantamento topográfico sobre o terreo. Uns traballos que se desenvolverán ata decembro de 2025 e que comezaron por Sergude, na zona máis próxima á depuradora.
Os técnicos presentes tamén lles lembraron aos propietarios e propietarias que durante este tempo deberán permitir o acceso ás súas parcelas dos técnicos que estean a realizar o levantamento topográfico, ao tempo que lles solicitaron a súa colaboración na identificación dos marcos e dos lindes das distintas propiedades. Unhas parcelas que deberán ter rozadas pero nas que calquera actividade precisa de autorización previa: obras, talas ou calquera outra actuación que implique un cambio no valor da propiedade.
Finalmente, os veciños presentes elixiron aos seus representantes na Xunta Local de zona: catro titulares e catro suplentes. Os presentes aceptaron a proposta realizada polo alcalde boqueixonés, quen suxeriu escoller 1 representante e 1 suplente por cada unha das catro parroquias beneficiadas pola parcelaria: Lamas, Loureda, Sergude e Vigo.
Este proceso de reestruturación parcelaria prevé reorganizar unha superficie de 1.957 hectáreas divididas en 10.460 parcelas, propiedade de 1.195 veciños e veciñas. Para levar a cabo este proceso, a Xunta ten previsto investir 5.871.000 euros, que mellorarán a estrutura territorial da zona e beneficiarán ás 136 explotacións agropecuarias existentes.
O uso do solo forestal é maioritario nesta zona, onde o 97,82% está ocupada por terreos forestais, pastos arbustivos e terras arables. Nestes casos, a futura redistribución de cultivos permitirá un mellor aproveitamento dos predios de substitución, pensando máis na mellora dos accesos e na forma dos predios que nun cambio do propio cultivo. Ademais, con esta reestruturación aproveitaranse os abandonos e matogueiras, que poderán integrarse na superficie agraria útil das explotacións. Isto repercutirá positivamente nos seus propietarios, que poderán aumentar a carga gandeira e o nivel competitivo das súas explotacións.