O Consello da Xunta aprobou someter a información pública o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 69 paradas de autobús situadas en tres estradas da rede autonómica, ao paso polos concellos de Boqueixón e Touro, que suporán un investimento que rolda os 1,75 millóns de euros. En Boqueixón, melloraranse un total de 38 paradas de forma que se acondicionarán carrís para a parada do autobús, mellorarase a accesibilidade e a pavimentación da contorna da parada (coa execución de sendas ou beirarrúas) e colocaranse refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, en particular, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil. As obras incluirán tamén medidas de seguridade e procederase á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas. As actuacións tamén prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.
O Consello da Xunta tamén deu conta da aprobación provisional do proxecto, previa aos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para desenvolver estes proxectos nas estradas de titularidade da Xunta: AC-960, desde A Susana ata o límite provincial con Vila de Cruces; AC-240, que comunica os núcleos de Burres e Ponte Ulla; e a AC-261, que une Lamas e Ponte Marzán. As obras farán necesario expropiar 45 predios, polo que se dispón tamén a urxente ocupación para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación definitiva é de 2.857,15 m2.
Mobilidade segura
O obxectivo desta actuación é incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos no uso do transporte público, fomentando a diminución do uso dos movementos de curto e medio recorrido en transporte privado, con orixe ou destino nas cidades de maior poboación, o que redundará nunha diminución das emisións de xeito gradual. Os proxectos enmárcanse no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente, e son susceptibles de financiamento dos fondos europeos Feder 21/27.
O proxecto provisional aprobado provisionalmente hoxe polo Executivo autonómico, someterase nas vindeiras semanas ao trámite de información pública durante o prazo de 30 días. A previsión da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é poder aprobar o proxecto no primeiro semestre de 2025, para a continuación realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras ao longo de 2025. O prazo de execución das obras é de 18 meses.