Poderán entregarse ata o mércores na Base de Protección Civil no Forte en horario de 13:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas
O Concello de Boqueixón organiza unha campaña de recollida de materiais e alimentos básicos a favor das persoas damnificadas pola DANA na Comunidade Valenciana. Os veciños e veciñas que desexen colaborar poderán entregar as súas achegas na Base de Protección Civil no Forte entre hoxe sábado e o mércores 6 de novembro, en horario de 13:00 a 15:00 horas pola mañá e de 19:00 a 22:00 horas pola tarde.
Mañá domingo 3 de novembro, horario especial de 10:00 a 15:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas.
Nestes momentos o que máis se precisa é: auga, leite, fiambre, pan de molde, conservas, materiais de limpeza persoal e doméstica, cueiros e compresas. Dende a Xunta de Galicia indican tamén que as colaboracións económicas se fagan chegar a través da Cruz Vermella.
Pola súa banda, o Concello de Boqueixón colaborará coa campaña de axuda organizada pola Xunta de Galicia poñendo a disposición do 112 Galicia medios de Protección Civil para desprazar ata ta zona prexudicada tales como bombas de achique e material de emerxencias (medios de iluminación e xeración eléctrica, medios de limpeza, medios de localización, etc).