O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por fomentar a remuda xeracional no agro con novos instrumentos coma o banco de explotacións e novas liñas de axudas. “De nada serviría a modernización do campo galego nos últimos anos se non podemos garantir que a xente nova vai coller o testigo”, indicou durante unha visita á explotación gandeira Graña Camba SC, na aldea de Vilaboa, parroquia de Gastrar (Boqueixón).
Unha visita á explotación de Alejandro Graña Camba na que o presidente da Xunta estivo acompañada pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; a delegada da Xunta na Coruña, Belén Do Campo; os concelleiros Manuel Fernández Munín, José Manuel Iglesias Gómez, Ángela Conde Leis e José Luís Mareque Simón; entre outras autoridades, así como por familiares e veciñanza de Alejandro Graña. Un percorrido guiado por Alejandro Graña, beneficiario dunha subvención da Consellería do Medio Rural para a creación de empresas para persoas agricultoras xóvenes, no que a comitiva oficial puido observar a nave de vacas secas, a zona de almacenaxe do serrín, a sala do tanque de leite, o establo e a nova nave en construción, con sala de muxido, establo e oficina.
Estímulos
Tras o percorrido, Rueda salientou os “estímulos” que ofrece a Xunta coma unha nova orde de achegas para favorecer a sucesión neste tipo de negocios, dotada de 2,1 M€ entre 2025 e 2029. Ademais, Galicia contará antes de que remate o ano cunha plataforma para poñer en contacto aos titulares de explotacións agrícolas e gandeiras que van cesar a súa actividade con persoas interesadas en asumir esta xestión.
Unhas medidas que se enmarcan no Plan específico e transversal para fomentar a remuda xeracional no agro que ten en marcha Galicia e que conta, entre outras iniciativas, con accións de formación, sensibilización e titorización. Uns apoios grazas aos que, tal e como indicou Rueda, “preto de 5.000 mozos e mozas se incorporaron como socios” a explotacións agrícolas ou gandeiras na comunidade desde 2009. O obxectivo é seguir avanzando na remuda xeracional, consolidar Galicia coma un referente no sector e promover un agro forte e competitivo. Por iso, o orzamento da Consellería do Medio Rural sube un 3,5% para o vindeiro ano ata superar os 700 millóns de euros.
Leiras ocupadas
Pola súa banda, Ovidio Rodeiro salientou que “esta visita representa un recoñecemento a todos os gandeiros de Galicia e, especialmente, desta parroquia. Gastrar sempre foi unha parroquia pioneira no ámbito da explotación gandeira e a produción de leite”. Así, tivo palabras de lembranza e recoñecemento para “aquelas persoas que xa non están pero que tiveron unha traxectoria de esforzo, traballo e sacrificio para manter viva as explotacións”.
O alcalde tamén puxo en valor o proceso de concentración parcelaria de monte realizada en Boqueixón pois “facilitou moitísimo a agrupación das terras e abriu novas vías para as explotacións”. Así, apuntou que “hoxe non hai nin unha leira sen traballar, non hai un metro cadrado de finca abandonado e iso fai que persoas xubiladas, como as que nos acompañan hoxe aquí, teñen as súas hectáreas de terreo alugadas. Non so non teñen que gastar en manter as súas leiras en bo estado, senón que reciben unha achega económica importante que complementa as súas pensións”.