O Concello de Boqueixón vén de incrementar o seu parque municipal de maquinaria coa incorporación dunha nova rozadora lateral, valorada en 39.325 euros. Uns cartos financiados a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia para este ano 2024.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, celebrou a incorporación desta nova rozadora lateral profesional “pois se sumará aos medios que xa temos no concello para poder levar a cabo os traballos de limpeza e mantemento de estradas e espazos públicos de Boqueixón”. Unha rozadora lateral subministrada por Fariña Maquinaria SL, empresa adxudicataria da licitación, e que ten unha potencia de 57 CV, conta cun alcance horizontal de 5,5 metros e dispón dun sistema de seguridade para salvar obstáculos.
Esta é a segunda rozadora lateral profesional que incorpora o Concello de Boqueixón nos dous últimos anos, pois en 2023 recibiu unha coas mesmas características ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta do ano 2003. Unha maquinaria que será empregada para conservar as zonas verdes limpas e rozadas, algo fundamental para previr calquera tipo de lume e evitar o deterioro e a degradación desas áreas.