O Concello de Boqueixón vén de rematar o proceso de transformación dixital da numeración do municipio. Un proxecto promovido polo Concello de Boqueixón, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader): Europa inviste no rural e o Programa de Desenvolvemento rural de Galicia 2014- 2020, medida Leader Galicia, xunto co GDR Terras de Compostela.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, salienta que “actualizamos todos os datos e xeramos unha plataforma dixital sobre un sistema de información xeográfica con identificación catastral que permitirá unha maior eficiencia nas comunicación entre o Concello e a veciñanza, ademais de permitirnos seguir avanzando no obxectivo Cero papel, para axudar a conservar o noso medio ambiente”.
Uns datos que foron compartidos co Catastro, co INE e con Google, “onde calquera veciño pode acceder a Google Maps dende o seu ordenador, teléfono ou tableta aos enderezos, que están perfectamente xeolocalizados e mesmo se poden visualizar a través do programa Street View”. Isto facilitará tanto as comunicacións da veciñanza coas distintas Administracións e evitará as confusións que en ocasións se producían no reparto do correo. E é que a xeo-referenciación dixital é capital e a numeración dos inmobles abastece as bases de datos máis importantes para a xestión do territorio municipal.
Máis de 700 modificacións
De feito, durante o traballo de transformacións dixital da numeración de Boqueixón distinguíronse un total de 2.604 referencias, recollidas en 331 planos planos dispoñibles todos eles na web municipal (www.boqueixon.gal). Deste total, engadíronse 487 novas referencias que non estaban identificadas previamente. As principais modificacións tiveron lugar en torno aos núcleos de Pumares, O Forte e Camporrapado, onde tamén se numeraron os solares susceptibles de seren edificados.
Unha vez incorporados os datos actuais, definíronse 53 novos códigos de vía para as novas rúas, avenidas e travesías do casco urbano de Lestedo, así como certos lugares que non figuraban no catastro. Ademais, actualizáronse no sistema 1.104 números entre a parroquia de Lestedo e o lugar de Pumares.
Finalmente, repartíronse os rótulos informativos, de forma rectangular, co escudo do Concello de Boqueixón e cun código QR coa información vencellada á referencia catastral, así como o número que identifica a esa entidade, cos nomes da parroquia arriba e do lugar abaixo.