O Concello de Boqueixón organiza tres saídas ao Balneario Compostela (Brión) dirixidas a veciños e veciñas maiores de 60 anos e que poidan valerse por si mesmos para realizar as actividades básicas da vida cotiá. Cada quenda inclúe un circuíto termal de dúas horas de duración nas instalacións do balneario brionés, onde desfrutarán dos beneficios físicos e psíquicos da hidroterapia nunha contorna de relaxación e natureza.
As saídas terán lugar os venres 4 de outubro, 15 de novembro e 13 de decembro, con saída ás 10:15 horas da Casa do Concello, no Forte. De 11:00 a 13:00 horas desfrutarán dun completo circuíto termal con dúas piscinas dinámicas con chorros, contracorrentes, fervenzas, camas de auga, jacuzzi e asentos de burbullas. As instalacións compleméntanse cun gran baño turco, unha ducha bitérmica, un circuíto circulatorio de pernas, unha ducha de aromas, dúas salas de calor seca, unha de escarcha de auga xeada e unha sala de relaxación con mármores quentes e cromoterapia.
O prezo por participar nesta iniciativa é de 15 euros por circuíto termal, que será aboados no propio balneario; así como 8 euros polo autobús (que se pagarán por anticipado no Concello antes do 1 de outubro, 12 de novembro e 10 de decembro, respectivamente. O non aboamento por anticipado suporía a renuncia á praza). Unha vez efectuado o abono, o importe de saída so se devolverá no caso de que non se faga a saída, debido á ausencia de participantes, ou en casos de forza maior (ingreso hospitalario, enfermidade ou calquera outra causa debidamente xustificada).
Aquelas persoas que estean interesadas en participar ou que precisen de máis información deben dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais ou chamar ao teléfono 981 513 106.