O Plan Corresponsables da Xunta de Galicia xa beneficiou no que levamos de ano a preto de 30.000 nenos e as súas familias, cun investimento de 7,7 millóns de euros. Así o asegurou esta mañá a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante a súa visita á rapazada que participa na derradeira quenda do campamento ‘Verán Activo’ de Boqueixón, un programa de lecer e conciliación que se desenvolve ata o inicio do curso escolar.
Fabiola García estivo acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, quen destacou que este programa de conciliación “dá cobertura a todos os nenos e nenas de Boqueixón que quixeron participar na actividade. De feito foi o ano máis importante que tivemos en materia de conciliación, grazas tamén á financiación que tivemos por parte da Xunta de Galicia”.
Así, aínda que nesta derradeira quenda do mes de setembro so participan 20 nenos e nenas, durante o resto dos meses este programa deu servizo a un total de 118 nenos e nenas, cubrindo así todas as solicitudes presentadas polas familias. Ademais de reducir nun 50% os prezos bases da actividade con respecto ao 2023, por primeira vez o Concello de Boqueixón ofreceu tamén servizo de comedor, o que facilitou a 30 familias do municipio a conciliación familiar ao atrasar o horario de saída das 14:00 ás 15:30 horas.
Plan Corresponsables
Pola súa banda, a conselleira lembrou que a través do Plan Corresponsables o Executivo autonómico achega recursos a case 170 concellos, unha vintena de entidades sociais e 60 asociacións de nais e pais (Anpas) para que poñan en marcha iniciativas que axuden a compaxinar a vida laboral e familiar, non só durante os meses de verán, senón durante todo o ano. Así, coas axudas deste Plan desenvólvense campamentos, obradoiros, actividades de lecer ou servizos de madrugadores nos centros, entre outras propostas.
Fabiola García destacou a aposta do Goberno galego pola conciliación, que se pon de manifesto en medidas como a campaña de verán máis ambiciosa da historia, con campamentos dirixidos especificamente a persoas con discapacidade; ou a gratuidade do 100% das escolas infantís (públicas, privadas e de iniciativa social) para máis de 32.000 familias. Tamén se referiu á creación dunha ampla rede de casas niño, máis de 100 que atenden a máis de 500 nenos que viven no rural ou o Bono Concilia Familia para axudar a sufragar os gastos de servizos de conciliación.
Na súa visita ás instalacións do CPI Antón Orza Couto de Boqueixón, unha das instalacións nas que se desenvolve o “Verán Activo”, Fabiola García e Ovidio Rodeiro estiveron acompañados pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana Pérez; así como polos concelleiros de Servizos Sociais, Ángela Conde Leis; Servizos e Obras, Manuel Fernández Munín; e Facenda, José Manuel Iglesias Gómez; e pola directora e a psicóloga do Centro de Información á Muller de Boqueixón, Cristina Carbajales e Yolanda Neira.