O Concello de Boqueixón vén de iniciar as obras de mellora na aldea de Pazos (Lestedo). Uns traballos que inclúen a canalización das augas pluviais e a mellora da capa de rodaxe dun dos viarios de acceso a esta aldea dende a DP-1202.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, explica que “estamos a traballar na instalación dunha canalización para recoller as augas da chuvia para así evitar inundacións e despois melloraremos con formigón un tramo da estrada duns 660 metros, que conecta a aldea de Pazos coa estrada provincial”. Durante a duración das obras, o tránsito por ese camiño estará reservado unicamente para persoas residentes.
Nestes momentos, procedeuse xa á demolición do pavimento existente para proceder á canalización das augas pluviais mediante 105 metros de tubaxe de 400 mm de diámetro e outros 100 metros de 315 mm de diámetro. Así mesmo, instalaranse 4 pozos de rexistro, 6 arquetas con sumidoiro e unha arqueta con reixa.
Posteriormente procederase a repoñer a capa de rodaxe do total da estrada de acceso a Pazos dende a DP-1202, uns 660 metros. A mellora acometerase con 5 centímetros de grava e outros 15 centímetros de formigón. Así mesmo, contémplase a mellora dun treito de 250 metros por catro metros con tratamento asfáltico superficial, previa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Estas obras están incluídas dentro do proxecto “Mellora de viario de Pazos á DP-1202 e outros”, financiadas con cargo ao POS+ Adicional 2/2023, e que foi licitado o pasado mes de xuño é empresa COSMALCA SL por algo más de 60.000 euros, dos que máis de 50.000 euros se corresponde con esta actuación.