Boqueixón acollerá este sábado 20 de xullo unha nova andaina do programa “Goza do Ulla”, unha iniciativa na que vinte municipios propoñen rutas de sendeirismo seguindo o río Ulla. No caso boqueixonés, a proposta será cubrir o Roteiro dos Pescadores, un percorrido de 9,6 km, de dificultade medio-baixa e que se pode cubrir en dúas horas e media.
A saída terá lugar do campo do río de Ponteledesma, ás 10:00 horas, nunha localidade na que os visitantes poderán desfrutar da Ponte Vella, das Ínsuas de Gres sobre o Ulla e da igrexa parroquial Divino Salvador de Ledesma. A expedición percorrerá o Roteiro dos Pescadores, un espazo natural protexido incluído na Rede Natura 2000 e que o concello vén de rozar recentemente para que estivera nas mellores condicións cara esta temporada de verán.
Trátase dunha senda propia de pescadores que chega ata a parroquia de Donas, onde os camiñantes desfrutarán de fermosas vistas. Despois, a expedición continuará ata a capela de San Paio (Codeso), onde desfrutarán dunha fervenza de sete metros de altura. Recoméndase levar calzado cómodo, auga e algo para comer (froita, chocolates ou froitos secos).
As persoas interesadas en participar deberán anotarse en boqueixonturismo@gmail.com ou no 981 513 061.