A Carballeira de Rodiño encherase de rock and roll este sábado 13 de xullo, a partir das 20:30 horas, da man de Pakolas e o seu espectáculo “Ramona Órbita. A dona do tempo”. Unha actuación organizada polo Concello de Boqueixón coa colaboración do programa “Ler conta moito”. A asistencia é totalmente libre e de balde.
O espectáculo conta a historia de Ramona Órbita, unha super muller labrega da Serra do Courel que posúe unha máquina do tempo coa que viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxía limpas. A través das cancións, da narración e as ilustración, a rapazada de Boqueixón irá saltando por diferentes épocas desde as cavernas (para comer un churrasco de mamut) ata o futuro, pasando polo Renacemento italiano a saudar a un tal Leonardo Da Vinci. Todo elo con dez novas cancións rockeiras de Pakolas.