As catorce persoas maiores que participan ao longo do ano no programa de Prevención da Dependencia do Concello de Boqueixón realizaron recentemente dúas saídas ao Pico Sacro (Boqueixón) e ao Museo Casa do Patrón de Lalín. Unhas visitas nas que estiveron acompañados pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde, e pola educadora familiar e coordinadora do programa, María Pereira.
Na saída a Lalín, os maiores de Boqueixón visitaron un museo etnográfico do rural galego, en cuxas salas contemplaron unha antiga escola, un forno, unha forxa tradicional, unha taberna e exposicións de oficios xa esquecidos. “Estiveron recordando como se vivía na súa nenez, lembrando actividades como a malla, o traballo do liño e outros oficios”, sinala Ángela Conde. A expedición rematou cun cocido galego, que desfrutaron no restaurante da Casa do Patrón.
Uns días antes, os maiores do programa de Prevención da Dependencia de Boqueixón realizaron unha nova visita ao Pico Sacro. A diferenza do ano pasado, desta vez o tempo acompañou, polo que puideron desfrutar das fermosas vistas dispoñibles dende o cumio do Monte Ilicino.
Unhas saídas que serviron para despedir o curso 2023-2024, toda vez que actividade non se retomará ata o vindeiro 17 de setembro.