A sétima edición da Feira Galiforest Abanca abriu hoxe as súas portas no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, onde pode visitarse ata o sábado 29 de xullo. Un evento inaugurado esta mañá pola conselleira do Medio Rural, María José González, quen estivo acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán; o secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad; e os directores xerais de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal; e o director de ABANCA Agro, Jesús Combarro.
A conselleira do Medio Rural destacou que este evento, consolidado como o maior certame forestal do país, é unha ocasión idónea para “celebrar o sector forestal que tanto nos define e que tanta riqueza e emprego xera na nosa comunidade”. Galicia sitúase como a novena potencia forestal de Europa. A nosa comunidade é líder no sector a nivel nacional e produce anualmente máis de 11 millóns de metros cúbicos de madeira. A conselleira expuxo que o rural galego “defínese pola súa cor verde”, debido a que a comunidade conta con case un millón e medio de hectáreas de bosques, e o 22% do valor produtivo da superficie forestal de España está no noso territorio.
O alcalde de Boqueixón salientou que Galiforest Abanca é unha “feira que se ten consolidado como o maior certame forestal de España e que ten convertido Boqueixón como o punto de encontro do sector forestal na Península Ibérica. Non o digo eu, son os datos: 107 expositores directos, un 11,4% máis ca na pasada edición, que representan a 360 firmas expositores de 28 países. Todo un récord que demostra a importancia do sector forestal en Galicia e a súa potencialidade de cara ao futuro”. Así mesmo, animou aos presentes a desfrutar dos atractivos culturais, paisaxísticos e enogastronómicos do municipio durante a súa estancia.
Concurso de Innovación
Pola tarde tivo lugar o acto de entrega dos premios do Concurso de Innovación Tecnolóxica da feira forestal Galiforest Abanca 2024. Uns premios entregados polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo; o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; e o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, acompañados polos membros do xurado.
Así, o primeiro premio foi para un cabrestante móbil de tracción “T-Winch”, presentado pola empresa Hitraf. Trátes dunha máquina auxiliar deseñada para outorgarlle seguridade e suxeición tanto á máquina coa que se traballa como ao operario forestal. Destaca por maximiza o factor de seguridade do operario e da máquina forestal en terreos escarpados e de difícil acceso, minimizar os danos do chan ao soportar a forza de freado e tracción da máquina coa que se está traballando e tamén a súa versatilidade para adaptala a diferentes tipos de maquinaria forestal.
Neste Concurso de Innovación tamén se concederon tres menciones. A Mención I recaeu nos guantes anticorte e antivibración clase 2, presentados por Pattones Robert´s, destinados a labores de poda e roza a nivel profesional. Axustados ao pulso mediante puño elástico e peche de velcro, contan con sete capas de tecido anticorte e con reforzo especial de almofada antivibración na palma completa estendida ata as xemas dos dedos que proporciona unha maior protección contra golpes e vibracións durante o manexo de ferramentas e o funcionamento do equipo.
A Mención II foi para RoboPlus, a primeira máquina radiocontrolada do mundo con motor Stage V de 100 CV. Presentado por Murat – Energreen é un portaferramentas teledirixido deseñado para operar nas áreas máis difíciles e pendentes de ata 55º. Conta con PAI (Power Air Intake), un sistema de aspiración do motor térmico que permite manter a máquina sempre nas mellores condicións de eficiencia e garante unha vida útil do motor tres veces maior. Así mesmo, a través do seu sistema Efficiency Control System, pode avanzar sempre á máxima velocidade dispoñible, considerando a potencia do motor térmico e a vexetación presente.
A Mención III foi concedida á procesadora taladora de eucalipto e piñeiro presentada por Forest Pioneer. Trátase dun novo segmento de procesadora/taladora made in Galicia que tecnicamente se achega ás prestacións dunha máquina Premium propiamente forestal e economicamente asimílase ao prezo de compra dunha escavadora de Obra Pública. Unha máquina que se posiciona entre estes dous segmentos cun prezo moi competitivo medio de 400.000 euros e con gran rendemento, ergonomía e seguridade. Un novo segmento de procesadora/taladora con obxectivo de fabricación en Galicia para todo o mundo.