O Pico Sacro foi este mediodía escenario da lendaria Cerimonia do Lume Sagrado, despois de catro anos de ausencia, primeiro pola pandemia e despois polas malas condicións meteorolóxicas, que só permitiron unha representación a pequena escala no 2023. Porén, esta mañá o sol acompañou e o séquito da Raíña Alda medrou ata case o medio cento de acompañantes, entre integrantes da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre (A Estrada), visitantes vestidos para a ocasión e os músicos do grupo folclórico local Son de Gaita (Sergude).
A posta en escena deste ritual celta comezou co encontro do séquito ao pe do Pico Sacro para celebraren o rito co que os devanceiros celebraban a chegada do Solsticio de Verán.. Encabezados pola Raíña Alda e polo seu Druída, continuaron xuntos o seu desfile ata a Capela de San Sebastián. Aló, diante da ermida do Pico Sacro, o Druída utilizou o seu bastón (cunha lupa no extremo) para concentrar a luz solar na ramaxe que se colocou no pebeteiro. Un lume que acendeu en apenas uns minutos grazas á forza do Astro Rei, creando deste xeito o Lume Sagrado.
Estas chamas serviron para acender as candeas que tanto a Raíña Alda coma os/as integrantes do seu séquito achegaron. Así mesmo, todos os veciños e veciñas de Boqueixón que o desexaron, de entre case un cento que seguiron con interese a representación, aproveitaron para levar cadanseu Lume Sagrado para acender, deste xeito, as cacharelas de San Xoán desta noite.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, acompañado polo concelleiro de Turismo, José Luís Mareque, agradeceu a colaboración un ano máis da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre nunha actividade “que pon o broche de ouro ao programa Un mes e Pico, onde fixemos varias visitas guiadas para coñecer a xeoloxía e tamén ver as estrelas desde lugar de coronación de reis visigodos, como altar de Galicia ou como monte sagrado, antes e despois do cristianismo”. Así mesmo animou aos presentes a coñecer o Pico Sacro por dentro, participando nas baixadas espeleolóxicas programadas ata o mes de setembro.