O Concello de Boqueixón toma coñecemento das comunicacións de realización de cacharelas e sardiñadas de San Xoán 2024 solicitadas pola veciñanza e que terán lugar en espazos públicos e privados que se sinalan nesta resolución. Lembramos que a data de realización é única e exclusivamente para a noite do 23 ao 24 de xuño de 2024 e que a hora límite para rematar a celebración son as 3:30 horas da madrugada.
A maiores, recoramos que os promotores das cacharelas teñen a obriga de tomar as medidas de precaución precisas tales como:
- A fogueira gardará as distancias mínimas que establece a lexislación de prevención de incendios forestais a vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos e zonas vexetais susceptibles de ser queimadas.
- A súa dimensión non superará os 5 metros de altura e os 3 metros de diámetro.
- Non se queimarán residuos perigosos ou tóxicos tipo pneumáticos, aceites, plásticos, envases de aerosois, etcétera.
- En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprais), aínda que estean baleiros.
- Disporase no lugar dun sistema de extinción de incendios axeitado á proporción da fogueira.
- A fogueira permanecerá vixiada ata a súa total extinción que deberá se asegurada empapando os restos totalmente con auga.
- No caso de que se levante vento que poda dificultar a vixilancia e extinción da fogueira esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.
- O solicitante será sempre o responsable dos danos e prexuízos que a fogueira ocasione.
- Será obrigatoria a limpeza dos espazos públicos autorizados ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou sardiñada.
- No caso de problemas chamarase ao 085 ou 112.